O ENFOQUE ECOLÓXICO É INDISPENSABLE.
Para amosar outros puntos de vista decidimos contactar cunha asociación ecoloxista. Pensamos que hoxe en día non se pode planear nen plantexar ningunha actuación nos montes sen ter unha visión ambiental do que se fai, a proxección ecolóxica debe ser fundamental.
Para dar este enfoque quisimos que a asociación Verdegaia tomase parte desta avaliación forestal, e antes de presentaros a entrevista darlle mil gracias a esta asociación pola súa amabilidade e colaboración, e máis especialmente a Nacho Jorganes por ser a persoa que fixo de fío comunicador entre Árbore Consultora e Verdegaia.
Temos que avisar que esta entrevista a presentamos en texto, xa que non pudo ter un formato máis cómodo debido a que as respostas foron feitas por máis dunha persoa que incluso están no extranxeiro, por iso queremos darlle un plus de importancia.
A continuación adxunto toda a entrevista que non é moi longa e as respostas son moi interesantes. Os temas principais están na línea da entrevista de Jacobo Feijóo, desta forma podedes facer comparativa.
Se queredes visitar a páxina web de Verdegaia podedes picar no seguinte enlace:
VERDEGAIA
Moitas grazas a todo Verdegaia e a Nacho!!!!
Ignacio García Mera
¿Cómo vedes a situación forestal en Galicia actualmente?
O erro que todos os galegos cometemos é ver o mundo forestal como un sistema ao que hai que sacarlle rendemento si ou si. Non hai parcela de monte libre de alteracións antrópicas (quer forestais quer gandeiras ou cinexéticas). En Galicia, deberíanse crear zonas libres de usos que permitan preservar a xenética das especies forestais locais, unir esas zonas que deberían situarse ademais na Rede Natura e que permitan a supervivencia a longo prazo das nosas especies autóctonas.
En canto á situación forestal (supoñendo que se refira ao mundo dos aproveitamentos e ver o monte como algo que hai que explotar dalgún modo), pois en Galicia estamos a anos luz do que se fai na maior parte dos países europeos onde se aproveitan as especies autóctonas a longas quendas con modelos pouco erosivos como a entresaca e que xeran emprego mantendo unha boa calidade do medio. Non se tenta compatibilizar usos, nin hai o suficiente diálogo entre os distintos usuarios do monte. As comunidades de montes non funcionan en absoluto.
Ecoloxicamente, ¿cales son as peores consecuencias das explotacións forestais? Degradacións edáficas, produción de materia para industrias contaminantes, etc.
Rigorosos estudos científicos amosaron que se produce unha grave diminución da biodiversidade local, tanto polo impacto directo do plantío, como pola xestión das explotacións (abuso de herbicidas e pesticidas en xeral, uso de maquinaria pesada no monte, etc). Ademais, moitas das especies empregadas son favorecedoras dos lumes e/ou están consideradas como perigosas especies invasoras que acaban colonizando espazos de grande valor natural.
Os métodos de corta a matarrasa que se levan a cabo na nosa terra deberían estar prohibidos. A elevada pluviosidade e a pendente media do monte galego non son aptas para este tipo de aproveitamentos que destrozan e empobrecen (e o impacto xa se pode ver en moitos lugares) o solo dos nosos montes.
A plantación de especies alóctonas ten moitos impactos ecolóxicos: reduce a calidade de hábitat das especies que viven no monte, merman a superficie das especies autóctonas que permanecen en illas, o que ten un impacto tremendo na súa viabilidade xenética e capacidade de adaptación a longo prazo e as fai máis vulnerables aos cambios ambientais e a outras ameazas (pragas, enfermidades, etc.).
Ademais, non se deixan parcelas nas que se preserven árbores vellas, madeira morta que son tan beneficiosas para a biodiversidade. Estamos a anos luz dos modelos que se levan a cabo en países do leste e norte de Europa.
¿Tedes constancia de que existan empresas que queran meterse neste sector en Galicia?
A particularidade do monte galego e o prezo da madeira que se vende de Galicia (especies de crecemento rápido) fan pouco rendible o mundo forestal. Porén, para a fabricación de mobeis de calidade expórtanse madeiras nobres doutros países obtidas con métodos moito máis sostibles. Actualmente, todos os proxectos dos que teño coñecemento ven o monte como fonte de enerxía para a biomasa ou seguen buscando usos variados para piñeiros e eucaliptos. Non se invirte nada en mellora e preservación xenética do carballo e outras especies autóctonas. Hai moitos intereses que o impiden.
¿Como son as prácticas destas empresas?. Herbicidas, sulfatos, emisións de CO2 polo uso de maquinaria,etc
Cun control insuficiente e cunha impunidade tremenda.
A figura que controla o estado dos montes (axente forestal), ¿funcionalmente existe?. Esta pregunta vai enfocada cara o estado de gran abandono que teñen os montes galegos, en especial os de mancomún.
Como en todas as profesións, hai axentes bos e malos pero a figura do axente forestal funciona. O problema é cando estes denuncian por vía administrativa a empresas con moito poder e esas denuncias son paralizadas polos cargos superiores (non esquezamos que segundo a cuantía e a gravidade da denuncia estas son sancionadas por cargos políticos e altos cargos con intereses e contactos variados). As infraccións en tema de medio ambiente deberían ser sancionadas con moita máis frecuencia para ser tomadas en serio (como aconteceu co tráfico). Desgrazadamente, ás veces é o único xeito de concienciar á xente da gravidade dos feitos e o impacto dos mesmos nun medio que é de todos.
A gran fragmentación da terra en Galicia, ¿pensades que é un factor a favor ou en contra da explotación forestal?
Non é un factor limitante para as explotacións forestais, sobre todo cando non estamos a falar de grandes explotacións de monocultivos, senón que o que queremos son explotacións sustentables de madeira de calidade. Poderíanse favorecer as agrupacións de propietarios ou simplemente favorecer que as Comunidades de Montes se sentiran atraídas por este tipo de explotacións.
A existencia da rede Natura, ¿é un obstáculo para a explotación forestal ou axuda a organizala?
Non creo que a Rede Natura deba favorecer a explotación dos recursos, pero tampouco creo que sexa un obstáculo para o mesmo. A Rede Natura é unha porcentaxe moi pequena do monte galego (menos do 15%), non merece a acusación de obstáculo. Os galegos temos sempre en mente que calquera figura de protección ou restricción de usos é nefasta. Ademais, xeralmente as restriccións só existen no papel e na práctica cada un sigue facendo o mesmo xa que non se sanciona nada.
¿Pensades que se está dando un cambio na paisaxe rural galega? e, ¿existe un paso de minifundismo cara o latifundismo forestal?
Por suposto que se está dando ese cambio. Existe o paso da multifuncionalidade do monte galego a un monocultivo intensivo e de grandes superficies que unicamente busca o enriquecemento coa produción de madeira de baixa calidade para pasta de papel ou outros produtos que xeran pouco beneficio e moitos prexuízos aos propietarios do monte.
¿Creedes que o sector forestal pode xerar unha economía sostible para solucionar a gran problemática do rural galego? Xerar empregos rurais, fomentar a fixación da poboación no rural e frear esa desertización demográfica que se leva dando dende fai anos.
O sector forestal pode e debe xerar esa economía sustentable. O noso país ten unha climatoloxía e unhas características edáficas óptimas para o crecemento de especies forestais autóctonas de grande valor para madeira de calidade, que se poden compatibilizar con outros usos e aproveitamentos do monte (apicultura, cogomelos, produción de froitos do bosque, cesteiría e artesanía da madeira, produción de cortiza, etc.).
Un exemplo do mal que os gobernos galegos xeraron emprego relacionado co mundo forestal é cando se formou a empresa pública SEAGA. Nas súas listas apuntarónse centos de enxeñeiros, técnicos e capataces forestais aspirando a traballar no monte e que acabaron traballando en incendios e noutras tarefas como desbroces ou plantacións ou incluso control do gorgollo do eucalipto (Con fondos públicos!!). Non se realizaron inversións interesantes que mellorasen a calidade do monte e, agás algúns proxectos de erradicación de especies invasoras, non se aprecian no monte moitos dos traballos realizados. Coa chegada da crise a empresa pública recortou plantilla e todos eses profesionais do sector forestal están buscando unha praza noutros sectores, están emigrando ou seguen formándose agardado algún día colocarse nalgún lugar